- Somos
- Historia
- Facerse regueifeir@
- Disciplinas paralelas
- Axenda
- Novidades
- As regueifas animan o Revoltallo
- Regueifas nas rúas en Vigo en Galego
- Regueifas en setembro
- Galicia estivo presente no XXIII Festival Internacional de Cante de Poetas
- Liga da Regueifa de Carballo
- Monográficos arredor da oralidade no CIOV (abril 2024)
- I Encontro Interxeracional Regueifeiro
- Certame Enreguéifate 2024
- Volven os cursos do CIOV (ano 2024)
- Propostas premiadas no certame Enreguéifate 2023
- II Premios Galegos da Regueifa Espalla Rimas 2023
- Regueifas no ciclo "No verán un conto" do Concello de Vigo 2022
- XII Certame Escolar de Regueifas (Vigo)
- II Certame Escolar Provincial de Regueifas (Valadares)
- IV Certame Comarcal de Regueifas (Morrazo)
- Certame Provincial de Regueifa 2021 (Pontevedra)
- Regueifas no ciclo "No verán un conto" do Concello de Vigo 2021
- Fin de curso do CIOV 2021
- XXIII Certame Internacional de Regueifas en Valadares (2020)
- Comeza o "Vai de regueifa", o concurso estrela na nova temporada do Luar!
- O derradeiro brindo do Ribeira
- Vídeos
- Galería de Imaxes
- Documentos Sonoros
- Artigos xornalísticos
- Libros regueifeiros
- A Punta da Navalla
- Ligazóns
- Contacto
II Certame Escolar Provincial de Regueifas (Valadares)
O CVC Valadares acubillou o II Certame Escolar Provincial de Regueifas, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra e a Asociación ORAL. A gala, conducida pol@s regueifeir@s Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, comezou este venres pasado sobre as 10 da mañá, cun auditorio cheo de aproximadamente 500 rapaces e rapazas dos 10 institutos da provincia clasificados para este evento. Esta mostra celebrouse por segunda vez, tras a impartición dos obradoiros correspondentes (dous por centro), que se levaron ao cabo no mes de outubro e a comezos de novembro en 41 centros de toda a provincia de Pontevedra por parte d@s docentes regueifeir@s da ORAL de Galicia: Luís O Caruncho, Bieito Lobariñas, Pinto de Herbón, Kike Estévez e @s antedit@s Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.
A gala comezou coas roldas previas (10), nas que participaron series de 10 alumn@s (100 en total), e das que sairían dúas persoas de cada serie para participar nas dúas series de semifinais. Nervios, tensión, caras desencaixadas nalgúns casos. As emocións a flor de pel entre a rapazada, antes de comezar o evento. Improvisar cantando diante de tanta xente (e en galego) non é tarefa sinxela para el@s. Xa nas primeiras participacións puidemos comprobar o nivel deste ano. Na primeira rolda, o alumnado tiña que crear dúas coplas, a primeira delas de presentación individual: "Joan é o meu primeiro nome, meu equipo vén comigo, hoxe vamos ensinarvos, rematar o inimigo". Noutra das súas estrofas @s presentadores solicitáronlles que rematasen co verso "actuando con respecto". Non tardaron en saír coplas como "Dixo unha cousa fea, eu con iso non me meto, eu deille os meus argumentos, actuando con respecto". Noutra proba, pedíronlles que rematasen co verso "era un conto improvisado", ao que rapidamente se contestaron coplas como: "E encántame a regueifa, e isto xa está gañado, e só sei unha cousa, era un conto improvisado".
Á segunda quenda de semifinais chegaron só vinte persoas das 100 que comezaran a xornada. Nesta segunda fase, a dificultade das probas foi a máis, pois @s presentadores da gala pediron ás semifinalistas unha copla na que tiñan que incluír as palabras "sol, enerxía e luces". Unha das regueifas improvisadas para esta ocasión foi: "Non me prendas moitas luces, que gastas moita enerxía, mellor usa a do sol, viva a ecoloxía". Noutra proba, tiñan que comezar co verso "Sempre fala en galego", ao que unha participante espetou: "Sempre fala en galego, a miña profe Begoña, espero que che me aprobe, senón vou pasar vergoña".
Para rematar o evento, chegou a gran final. Só catro participantes, tres mulleres e un home, chegad@s das roldas de semifinais. A tensión apalpábase no ambiente, aínda que só por chegaren á final, @s catro finalistas serían gañador@s do certame deste ano, cunha tablet para cada un/unha. Moi destacables e dignas de mención foron as participacións de dúas rapazas na final, unha delas Rosalía (2º ESO), chegada desde o IES Pintor Colmeiro de Silleda, e outra Alba (4º ESO), chegada do IES Alexandre Bóveda vigués. Neste caso, @s director@s do evento subían a dificultade pois a rapazada tiña que crear tres coplas seguidas (sen parar). Nunha delas tiñan comezar co verso “A regueifa ten futuro”, ao que unha das participantes contestou: “A regueifa ten futuro, porque está o profe Caruncho, con Bieito e mais con Pinto, son os mellores do mundo”.
Finalmente, os institutos máis laureados na xornada de onte foron o IES Pintor Colmeiro de Silleda, que se proclamou gañador do Certame ao meter máis participantes na rolda de semifinais. En segundo lugar quedou o Quiñones de León (Vigo) e en 3º lugar o IES Álvaro Cunqueiro (Vigo), demostrando que a regueifa ten moita canteira na Cidade Olívica. Os tres centros gañadores do certame levaron cadansúa rosca de regueifa como premio simbólico desta segunda edición do certame de regueifas escolares na provincia de Pontevedra.
Outra nova edición de certames escolares de regueifa para poñer en valor a nosa arte improvisada entre a rapazada, e unha nova demostración de que a tradición e a modernidade poden ir da man. Ademais, e sobre todo, a realización destes certames veñen demostrar que é posible motivar e implicar os rapaces e as rapazas con/en actividades arredor da lingua galega, algo imprescindible nos tempos que corren. Tamén quedou demostrado que a regueifa é unha arma de construción masiva nas escolas, un recurso inesgotable para practicar a nosa lingua, coñecer a nosa tradición, empregar a nosa retranca ou para fomentar o espírito crítico entre o alumnado. Ademais, tamén se evidenciou que a mocidade ten moito talento e que grazas a actividades coma esta, a regueifa, unha arte aínda descoñecida entre parte da poboación e que estivo a piques de morrer a finais do século pasado, ten un futuro moi prometedor.
Mil primaveras máis para a regueifa en Valadares e longa vida ao Certame Escolar Provincial!