Skip to Content

Desde a Asociación ORAL de Galicia creamos este sitio coa intención de abrir unha ventá a todas as persoas interesadas nesta vertente da improvisación oral rimada.

A regueifa é a manifestación máis estendida no noso país da secular arte popular da improvisación oral en verso, da que se atopan referencias desde a Antiga Grecia.

Nestas páxinas, ademais de achegarnos ás súas orixes, tamén repararemos noutras manifestacións tan antigas coma a mesma regueifa ou mesmo tan modernas coma o rap, para, deste xeito, recoñecer como se poden relacionar. E por último, botarémoslle un ollo ás súas características e tentaremos dar unhas pautas para aprender, practicar ou simplemente gozar desta arte oral.

Tentarase, asemade, que esta web sirva para estar informad@ da actividade da regueifa e da Asociación. Pretendemos que sexa a ágora onde falar destas disciplinas e que poida servir de lugar de contacto entre @s regueifeir@s e o seu público. Tamén pode valer para abrir un espazo no que se poida regueifar en liña en tempo real, ver actuacións ou escoitar regueifas desde calquera parte do mundo.

Por último, pero non menos importante, ten o obxectivo de achegar e recompilar información e documentación sobre esta arte poética, para, deste xeito, ir enchendo o oco que hai no tocante ao estudo formal que a regueifa e o resto de formas de improvisación oral merecen dentro do marco da nosa cultura popular e tradicional.

Para abrir boca vexamos un documentario (2009), onde o presidente Carlos Alonso fai un repaso das orixes da Asociación ORAL e dos proxectos a curto e longo prazo que tiñan entre mans daquela. No vídeo podemos ver imaxes dos primeiros anos (1998), con regueifeiros xa finados como Costa de Xaviña ou Calviño de Tallo. Tamén combina imaxes doutras actuacións de principios de século XXI onde xa aparecen representantes da nova xeración da regueifa.