Skip to Content

O baile da regueifa

O baile da regueifa

A orixe deste baile cun molete na cabeza realizado nos casamentos rurais pérdese na noite dos tempos e, segundo relata a maioría das investigacións ao respecto, é moi anterior ao nacemento do canto improvisado dialóxico que se producía nestes eventos (Domingo Blanco, A regueifa en Cabana de Bergantiños, páx: 16 https://bit.ly/3f1ff7z).

Para comprender a causa do emprego desta rosca, biscoito ou "regueifa" nestas celebracións nupciais deberemos retroceder ata os séculos XI-XII cando aparecen as primeiras referencias a estes moletes ou roscas con nome de orixe árabe (https://bit.ly/35f1TA0), que servían de intercambio entre os mosteiros galaicos (Tumbo de Samos). Posteriormente, nos séculos XVI- XVIII o termo "regueifa" aparece en traballos como os de Sarmiento, onde refire este vocablo antigo "escoitado ás portas de Ourense". Nesa mesma época esta rosca relaciónase co barroco compostelán e é sobre todo en Betanzos onde aparece como elemento cotián nos fornos da vila (https://bit.ly/2xicwFJ).

Se queremos achegarnos á orixe da celebración dos casamentos con rituais vencellados ao cereal habería que retrotraerse ata as culturas grega e romana (epitalamios. fesceninos...), onde estes elementos (sementes, espigas, froitos secos...) eran recorrentes nestas festas como símbolo de bo augurio e de fecundidade futura para os contraentes (https://bit.ly/2SzMy8n). Non é estraño, xa que logo, que desta tradicións grecorromanas se pasase a realizar bailes relacionados con elementos rituais deste tipo (https://bit.ly/3aOOCzB). Ademais, non é Galiza o único lugar da cristiandade onde proliferaron estes bailes con símbolos relacionados co pan, pois en lugares próximos como León, Asturias, Salamanca, Burgos... ou noutros máis afastados, consérvanse bailes relacionadas co rosco ou regueifa, como "el baile del bollo", "del rosco" ou de "la guerreifa" (https://bit.ly/3f2y4r4).

Se falamos das diferentes descricións do baile a través das referencias históricas ou de informantes, atopamos moitas e variadas. No que se refire ao momento do baile, nalgúns casos apuntan que se realizaba despois do xantar, contra a noitiña, e previamente ao canto improvisado; noutras referencias é posteriormente ao canto cando se levaba ao cabo.
Tamén hai diverxencias entre o día en que se realizaba, pois en moitas ocasións os casamentos duraban varios días... O normal era realizalo o mesmo día do casamento, mais tamén podía facerse o día antes da voda na casa da noiva (https://bit.ly/3aN7VJv).
No tocante ás persoas participantes tamén hai variedade, pois na maioría dos casos eran os padriños (foto Caamaño, 1966) quen bailaban co molete, máis tamén se podía dar que fose a parella de acabados de casar quen o fixese... (https://bit.ly/2VOre0I). Tamén hai referencias de bailes de máis dunha parella de homes e mulleres, como na foto de J. Prieto Guerra para o Portfolio Galicia (Noia, 1900+/-).
En canto ao tipo de baile realizado, era normalmente unha muiñeira, tocada e bailada a un ritmo algo lento para facilitar o baile coa peza na cabeza, mais tamén podía constar de xota ou de xota + muiñeira.
Hai tamén moitas curiosidades arredor deste baile. Nalgúns lugares, se o molete lle caía á persoa (madriña) que bailaba era unha deshonra e sinal de mal augurio para os acabados de casar. Se o baile era realizado por algunha persoa do convite e lle caía a regueifa ao bailar, tamén era de mal augurio para ela e podía significar que podería ter dificultades para poder casar no futuro. Era normal o reparto do molete ao final do baile, mais todo dependía de cantos moletes había e de se ao remate do baile había o canto improvisado competitivo. Noutros lugares era habitual tamén "voltear a regueifa", que consistía na participación, por parellas, nun concurso consitente no volteo da regueifa metida nun pano. Este volteo realizábase coa boca, polo que requiría unha habelencia especial para realizalo. A parella que lle daba máis voltas á regueifa dentro do pano, sen caerlle, gañaba o mesmo (https://bit.ly/2zznLub).

No que se refire á iconografía destes bailes relacionados co pan temos moitos e variados exemplos. A primeira das representacións de bailes relacionados co cereal/pan é un gravado de Serafín Avendaño (hai quen o atribúe a Meléndez) no século XIX dun "baile da fogaza" (non da regueifa, pois nin era nunha voda nin levaban o pan na cabeza) na romaría de San Roque de Vigo, o que nos descobre que estes bailes co pan como elemento estaban xeneralizados por toda Galiza nestes anos e dende o medievo. Entre as posteriores representacións, xa fotográficas, do baile da regueifa destacan dúas: a antedita pertencente ao Portfolio Galicia (1903), probablemente tomada a finais do século XIX en Noia e que, como nos revela a Galiciana, pertencería a unha romaría e non a un casamento, como se pensa habitualmente (https://bit.ly/2zHIQmo). A seguinte, moito máis representativa e de autoría de Ramón Caamaño, foi realizada en 1966 e nela podemos ver os padriños da voda realizando o baile diante da comitiva nupcial.

Se falamos da xeografía do baile na nosa terra podemos comprobar que na súa orixe debía estar xeneralizado en case que toda Galiza. Aínda que nas zonas máis orientais non está documentado o nome de regueifa (+ rosca, rosco...), nas provincias atlánticas e, sobre todo, na da Coruña (Bergantiños, Terra de Soneira, Costa da Morte, zona compostelá...) este baile era habitual nas celebracións nupciais dende antes do século XVI.

Co paso do tempo estas celebracións nos casamentos (tamén o canto) foron desaparecendo e este baile foi recuperado polas asociacións corísticas durante todo o século XX. Dende as representacións feitas nos teatros e auditorios de Galiza a principios de séc XX realizadas por orfeóns ou coros como A Artística de Vigo ou Toxos e Frores, onde contaban cun espectáculo de baile de regueifa; pasando por outras feitas posteriormente, o baile da regueifa sobreviviu fóra xa do seu contexto orixinal nas vodas. Co avance do século XX, agrupacións folclóricas coma Aturuxo (https://bit.ly/3d0iISa) ou Cantigas e Agarimos (https://bit.ly/2zCC2pX) conseguiron trasladar esta tradición á sociedade galega. Na actualidade, moitos grupos e asociacións continuan a introducir este baile nas súas actuacións como A. C. Xacarandaina no Festival de Lorient 2019 (https://bit.ly/3bPweYA), Trébede (https://bit.ly/2Yhspau) ou Retrouso (https://bit.ly/2WbEewd); e mesmo podemos anotarnos en obradoiros para aprender a bailar sen que nos caia o molete, como os realizados nas Xornadas Etnográficas do Morrazo en 2019 ou como os impartidos por Montse Rivera nas xornadas organizadas por A.C. Eiradela Pobra na Pobra do Caramiñal en febreiro de 2019 e 2020 (https://bit.ly/2yQKvpg). Ultimamente, tamén hai exemplos de recuperación deste baile no seu contexto orixinal das vodas como os realizados en Negreira (https://bit.ly/2Yho0Ve) ou Mazaricos (https://bit.ly/2y9cOz6) en 2019 por distintas agrupacións folclóricas. É destacable tamén a representación realizada no programa Luar polo grupo do Morrazo Asociación Cultural Lembranzas da Ría en 2017 (https://bit.ly/2VLE2Vw).

"De Lestrove teño eu
un anaco de molete
de bailar unha regueifa
enriba dun taburete"

Copla recollida na revista semanal Nova Galicia (Bos Aires, marzo de 1918)

Desde a Oral de Galicia queremos reivindicar un dos nosos bailes máis senlleiros no #DíaInternacionaldaDanza2020.

https://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=956152238172129&id=100...