Fichas persoais
Regueifeiros en activo
Fermín da Feira Nova
Faise chamar Fermín da Feira Nova (Coristanco) porque alí reside dende o 1961, «que foi cando me casei». Naceu no 1936 no municipio de Cabana. «Empecei cando tiña uns 35 anos», afirma. O futuro da regueifa, como todos os seus compañeiros, veo «moi mal: a xente non quere aprender e os que estamos xa imos marchando». Bota en falta a unión para protexer e recuperar esta arte: «Propóñense cousas e todo vai quedando en nada, aínda que eu xa corrín moito» e sinala, tamén que os mozos de hoxe non amosan interese: «Canto eu daría por poderlle ensinar isto aos rapaciños, aínda que non foran máis ca dous»
Antonio de Xornes
Antonio Rodríguez Carabel coñecese, no ámbito da regueifa, como Antonio de Xornes. Naceu nesta localidade de Coristanco, pero hoxe reside en Carballo. Naceu no 1962 e adícase a este arte do cantar retranqueiro desde os 17. «O meu foi todo aprendido», como di el, xa que non tivo a ningúen na súa familia que o fixera. «Salme de dentro», explica. Como todos os seus compañeiros, recoñece que é unha pena que «non se estea facendo nada» e sinala os beneficios indubidables dunha escola obradoiro: «Aos nenos hai que motivalos para que empecen, pero sobre todo á regueifa hai que valorala máis do que se está facendo».
Suso de Xornes
É coñecido como Suso de Xornes, pero chámase Jesús Lema García. Naceu no 1959 e iniciuose nesta arte ao cumprir a maioría de idade, aproximadamente. «Comecei con meu tío, con Mandián e tamén con Calviño e Celestino». O segredo, para él, está na improvisación, «algo que xa nace contigo» e na práctica. «Non somos bichos raros: estou seguro de que hai moita xente que o podería facer, só hai que atreverse»'.
Pinto de Herbón
lanzouse a través de Sitio Distinto co tema Nitramón, 15, 15, 15, que foi rapidamente convertido en semente do que se deu en chamar agro-rap galego. Pinto é autor doutros temas tamén populares como Paviméntame; ou A motoserra editados en diferentes cd’s compilatorios, anque se define a si mesmo como regueifeiro, traballa basicamente co desafío, acompañado dende o ano 1997 por Luís “O Caruncho”.
Luis "O Caruncho"
Músico de devanceiros gaiteiros, el mesmo é gaiteiro, zanfonista, cantante e incluso aprendiz de actor. Sen dúbida todas estas dotes artísticas fan del un dos máis requeridos traballadores da música en Galiza. Son estas mesmas dotes as que o acrediten dende que debutou como improvisador en verso en Valladares – Vigo como un dos máis prometedores Regueifeiros – Brindeiros do País, xa que o seu enxeño e sentido do ritmo fan que sempre teña a man unha resposta axeitada para calquera copla que lle boten por moi envelenada que esta sexa. Caracterízase asemade por tratar de introducir novos ritmos e probar con distintos acompañamentos no tradicional xeito de improvisar “a pelo” galego.
Benito Lobariñas
Compoñente do grupo Zurrumalla é Gaiteiro, ó igual que Luis, tivo unha faceta artística menos coñecida, que foi a de letrista da comparsa de Antroido “Os da Taza” do Morrazo, sendo desta vena lirico-humorista de onde procede a súa querencia polas coplas vitriólicas e a súa vagaxe para pasarse ó verso improvisado do que xa é un cultivador experimentado, pese a que leva relativamente pouco tempo practicando. Con Luis “o Caruncho” soe formar unha parella que ultimamente é bastante requerida como presentadores de espectáculos con grande éxito entre a concorrencia. Enriba do escenario non soe achicarse ante ningúen e sempre busca unha saída airosa das coplas do contrincante aínda que en ocasións teña que estirar a métrica para forzar a rima.
Ribeira de Louzarela, Antonio Rio
Falar do Ribeira no Caurel e nas terras do Cebreiro é falar dun dos mellores brindeiros que pasou por estas terras. Percorreu boa parte das aldeas e lugares da Serra animando festas, bodas e calquera actividade que o seu bo humor se prestara, a súa facilidade para improvisar rimas cantadas levárono a ser partícipe na vella costume de brindar ós noivos antes, durante, e despois do casamento se a cousa se prestaba; unha tradición que estivo moi arraigada na vida e xentes da montaña luguesa; hoxe podemos dicir que o Ribeira é o último brindeiro ou regueifeiro da montaña. A súa vida nas fermosas terras onde aflorecen as primeiras augas do río Lóuzara foi, e segue a ser, coma a de calquera persoa que viviu e vive eiquí: a labranza, a ganderia, foron os seus medios de vida, o cantar e brindar a súa gran paixón, un don recibido que soubo e aínda sabe espallar polo mundo adiante por que, ós seus oitenta e tantos anos, mantén a frescura dun rapaz.
