Skip to Content

Chega o XXII Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso de Valadares (decembro 2019)

20181215210534.jpg

Chega o XXII Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso de Valadares

Pasou xa case un cuarto de século daquel primeiro Certame de Regueifeiros celebrado no Auditorio do Concello de Vigo (1995) e organizado polo CVC de Valadares. Dende aquela xornada histórica, que contou coa presenza dos mellores repentistas de Galicia por aquelas datas (Calviño de Tallo, Costa de Xaviña, Ribeira de Louzarela...), moit@s representantes do verso improvisado chegad@s de diferentes partes do mundo (Portugal, Cuba, Arxentina, Colombia, Euskal Herria, Catalunya, Andalucía...) teñen pasado polo escenario de Valadares. Este 14 de decembro chega a XXIIª edición deste Certame, pois aínda que pasaron 24 anos, só en dous se deixou de celebrar. Botémoslle un ollo ao programa dun dos certames de repentismo con maior pegada a nivel mundial: o Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso de Valadares.

Como vén sendo tradición nos últimos anos, o Certame, organizado pola Asociación ORAL de Galicia, celebrarase en dúas xornadas, unha dedicada ao repentismo en verso (regueifa e semellantes) e outra máis orientada ás disciplinas paralelas e vencelladas á oralidade como o recitado, o free-style ou o teatro improvisado. A primeira xornada arrincará o día 14 de decembro no Auditorio do CVC de Valadares, e contará con improvisador@s vidos dende diferentes puntos de Galicia e con presenza de representación internacional, neste caso do país veciño de Portugal. A introdución da xornada correrá ao cargo do regueifeiro e investigador Kike Estévez, que, alén de facer os honores de apertura, realizará unha pequena presentación do seu libro recentemente publicado, "O Ribeira de Louzarela, brindador da dentro", sobre os brindos e loias da montaña luguesa. Para abrir o evento contaremos coa presenza de regueifeir@s "en prácticas", entre os que estarán dous nov@s valores da regueifa galega: Aurora "A Rabela" e Xairo d´Herbón. Neste ano terán cabida tamén outras modalidades repentizadas, como a da regueifeira Alba María e o seu irmán Queco Díaz, que realizarán unha sesión de improvisación na que ofrecerán dende blues ata romances improvisados. Por outra banda, a representación internacional correrá ao cargo do "Grupo de Cantares e Tocares Açorianos - Improviso", que nos traerán as súas cantigas "ao desafio" improvisadas ao modo das Illas Açores. Deste grupo destacan os repentistas Vasco Daniel e Paulo Miranda, aínda relativamente novos, pero cunha grande proxección no mundo do repente lusófono. Na parte final do evento entrarán en liza @s expoñentes da regueifa galega, entre @s que estarán o vigués Luís O Caruncho, o padronés Pinto de Herbón, o redondelán Josinho da Teixeira ou a bergantiñá Lupe Blanco. Coma sempre, para rematar o acto realizarase unha roda de despedida, na que participarán tod@s @s integrantes das diferentes manifestacións poéticas presentes enriba do escenario. A segunda xornada do XXII Certame (domingo 15 de decembro) estará reservada a outras modalidades orais, e será a quenda do grupo teatral Cháchara Pro, representante do match de improvisación teatral; da narradora Lorena Pinheiro con "Seica, historias de Meder", de Akira Valero co seu monólogo "Cunca recunca" ou de Miguel de Cobres, coa súa poesía e música retranqueira.

Outro ano de improviso en Valadares. E van vinte e dous. Longa vida ao Certame de Improvisación Oral en Verso e longa vida á regueifa.