Skip to Content

Enreguéifate!

17/02/2018 18:00

Enreguéifate!

O proxecto Enreguéifate chega á súa segunda edición con novas accións e coa incorporación de tres novos municipios: Ames, Carballo e Teo súmanse a este proxecto, que tamén estrea páxina web: www.enregueifate.gal.

Enreguéifate mantén o certame de regueifas en vídeo, que será convocado nas próximas semanas, e o festival Regueifesta que se celebrará o 2 de maio no Auditorio de Galicia, na capital galega. Ademais, este ano haberá unha xornada de formación para o profesorado (de Galicia) para o alumnado (dos catro concellos participantes).

A xornada de formación para o profesorado celebrarase o 17 de febreiro, e a inscrición xa está aberta a través da nova web. O prazo para anotarse remata o día 8 de febreiro, e o 70% das prazas están reservadas para profesorado en activo, de centros públicos ou concertados. A matrícula é gratuíta, e está solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que a asistencia sexa homologada como actividade de oito horas de formación permanente do profesorado.

Ademais, o proxecto Enreguéifate inclúe tamén obradoiros para o alumnado, onde poderán aprender métodos de improvisación oral e coñecerán tamén o proceso de revitalización da regueifa que existe entre a xente nova.

Como o ano pasado, nas próximas semanas será convocada a segunda edición do certame de vídeos Enreguéifate, seguindo o modelo da primeira edición, no que se poderá participar gravando en vídeo regueifas duns tres minutos de duración. Haberá premios en dúas categorías: escolar e xeral e os premios entregaranse no transcurso da Regueifesta (o 2 de maio no Auditorio de Galicia).

Ligazón ao Facebook:

Cartaz do evento: