Skip to Content

XXI Certame Internacional de Improvisación Oral de Valadares 2018

Os vindeiros 15 e 16 de decembro de 2018 recunca o Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso de cada ano no CVC de Valadares (Camiño do Pedregal 6, Valadares, Vigo), onde poderemos gozar coa participación de artistas vidos de todos os recantos de Galicia e mesmo do estranxeiro, tanto do eido da regueifa e do improviso internacional, como doutras disciplinas paralelas. Ademais tamén se oferta un Obradoiro de Iniciación á Regueifa para as persoas interesadas, previa inscrición no enderezo electrónico: oral@regueifa.org, que se realizará na xornada do sábado de 11h a 14h e de 16.30h a 18.30h.

Primeiro día

O sábado 15 de decembro ás 19.00h, comezará o evento do 1º día dedicado á regueifa (e tradicións semellantes), que contará coa participación dun nutrido grupo de regueifeir@s do país e que estará presentado e dirixido polo filólogo e regueifeiro Kike Estévez, que fará de mestre de cerimonias. O grupo de repentistas galeg@s que actuarán nesta xornada encabézano os xa míticos Luís O Caruncho (Vigo) e Bieito Lobariñas (Gondomar), que estarán acompañados pola nova xeración da regueifa representada por Lupe Blanco (Coristanco), Alba María (Vigo/Compostela) e Mani Braga (Vigo) xunto á nova promesa Yessica Nantón (Carballo). Alén disto, a comunidade internacional estará personificada no cantador ao desafío portugués, Ruizinho da Penacova, que fará unha demostración de repentismo do país veciño, acompañado da súa inseparable concertina.

Desenvolvemento

Unha vez aberto o evento polo presentador do mesmo, entrarán en xogo os representantes do cantar ao desafio e da desgarrada minhota, co cantador Ruizinho de Penacova á cabeza. O son da concertina e o improviso do norte de Portugal volverán ao auditorio de Valadares, para seguir demostrando que os lazos de unión entre Galicia e o país veciño pasan tamén pola tradición oral, a musical e o canto improvisado. A seguir desta actuación aparecerán en escena @s regueifeir@s galeg@s, que farán unha demostración da súa arte e, ademais, terán que se someter a unhas probas de enxeño e de improvisación que prometen un espectáculo entretido e divertido. Para rematar, como cada ano, realizarase unha roda final de participación conxunta, onde @s improvisador@s galeg@s e portugues@s porán todo o seu bo facer enriba do escenario, nun acto de xuntanza final entre os cantos e culturas dos dous países irmáns.

Novo formato

A organización do evento pensou darlle unha volta á celebración do verso improvisado de cada ano, e para iso quere experimentar cun novo formato no Certame deste ano. No tocante á representación galega, á parte dun breve primeiro pase de cada parella de regueifeir@s, este ano están programadas unha serie de probas para @s improvisador@s (ao modo das finais dos campionatos d@s bertsolaris no País Vasco) para, deste xeito, fomentar a participación do público presente e tentar facer o evento máis dinámico e interactivo. Xa que logo, cada parella de regueifeir@s, elexida tamén ao chou, terá que someterse a diferentes probas que propoña o director do evento e que constarán do seguinte:
1. Petición de dúas palabras ao público que rimen entre si, coas que terán que facer coplas alternas
2. Petición dunha frase (pé forzado) coa que terán que rematar a súa copla e realizar coplas alternas
3. Un xogo de rol con personaxes antagónicos, con liberdade rimática, onde terán que defender o rol que lle toque a cadaquén
4. Unha situación ao chou, escollida polo público, onde @s improvisador@s terán que desenvolver o disposto dunha maneira creativa

Segundo día

O domingo 16 de decembro estará centrado nas disciplinas paralelas á regueifa e arredor da palabra que, como cada ano, son parte fundamental do Certame. Este ano terán cabida o teatro improvisado de Juanjo Rodicio e Cía (Lugo), a música e a retranca de Skatolosónicos (Vigo) e a poesía satírica e a música de Lois Pérez (Lugo), que á súa vez, será o encargado de presentar e dinamizar o evento.

XXI Certame

Outro ano máis, e xa van 21, este Certame arredor da palabra, da retranca e da improvisación consolídase como un dos principais encontros de divulgación dos cantos improvisados e doutras artes orais galegas. Desde a súa creación, aló polo ano 1995, polo escenario de Valadares (tamén Auditorio do Concello de Vigo, Conservatorio de Música, Auditorio García Barbón…) non só teñen pasado referentes das diferentes disciplinas galegas como o brindo ou a regueifa, senón que tamén o fixeron representantes do canto improvisado de moitos lugares do mundo (Portugal, Colombia, Cuba, Arxentina, Uruguai, Canarias, Cataluña, Illas Baleares, País Vasco, Cantabria…), demostrando a internacionalización do evento, case impensable no momento da súa creación hai 23 anos. Agardamos mil primaveras máis para o Certame de Improvisación Oral en Verso de Valadares. E que siga medrando a regueifa.