Skip to Content

1º Certame Provincial de Regueifas Escolares (20/3/19)

O vindeiro mércores 20 de marzo, coincidindo co Día Mundial da Narración Oral, celebrarase no Auditorio do CVC Valadares (Vigo) a 1ª Exhibición Final Provincial de Regueifas Escolares, organizada pola Asociación ORAL de Galiza e promovida polo Servizo Provincial de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.

Unha vez impartidos os obradoiros didácticos entre o alumnado de secundaria de 41 centros educativos de toda a provincia, dende os días 14 de febreiro ata o 7 de marzo; chega o día final desta acción formativa, onde a rapazada terá que poñer en práctica o aprendido nos dous obradoiros recibidos en cada centro.

Os centros educativos escollidos polos docentes regueifeiros para participar no evento son o IES Ribeira de Louro, do Porriño; o IES Francisco Asorey, de Cambados; o IES Aquis Celenis, de Caldas de Reis; o María Soliño, de Cangas; o IES de Ponte Caldelas; e o Alexandre Bóveda, IES Castelao, Rosais 2, San Tomé Freixeiro e María Inmaculada Carmelitas, todos de Vigo.

Nun evento que xirará arredor de temáticas como a ecoloxía, o feminismo ou a lingua galega; un total de 100 alumnas e alumnos dos dez centros escolmados para participar no evento terá que enfrontarse ás probas propostas polos regueifeiros que guiarán o acto, que neste caso serán o redondelán Josinho da Teixeira e o vigués Kike Estévez. Para rematar a xornada, o deputado de Cultura, Xosé Leal, fará acto de entrega dos agasallos correspondentes entre o alumnado e centros participantes.