Skip to Content

Crónica do XXI Certame Internacional de Improvisación Oral de Valadares 2018

A fin de semana do 15 e 16 de decembro celebrouse a XXIª edición do Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso no CVC de Valadares. Como cada ano, o evento arredor da oralidade, da palabra e da improvisación decorreu durante dous días: o primeiro dedicado á regueifa e ás disciplinas paralelas; e o segundo centrado noutras modalidades con certa relación coa regueifa, como son a poesía satírica ou o teatro improvisado.

Na xornada do sábado, un grupo de improvisadorxs do país xuntáronse no escenario da parroquia viguesa, acompañando, nesta ocasión, a un dos mellores cantores do improviso de Portugal. O encargado de introducir o espectáculo foi o filólogo e regueifeiro Kike Estévez, que realizou a presentación do evento en verso ao modo da rezada bergantiñá. Na súa versificación lembrou a historia do Certame e a algúns dos seus participantes históricos, para rematar presentando individualmente a cada artista deste ano. Os primeiros en saíren á palestra en representación da regueifa galega foron os grandes Bieito Lobariñas (Gondomar) e Luís O Caruncho (Vigo/Gondomar), que, coma sempre, deleitaron a platea coas súas rimas retranqueiras e o seu histrionismo tan característico. A seguir, continuaron dúas regueifeiras bravas da comarca de Bergantiños: a coristanquesa Lupe Blanco, promesa da regueifa que xa participara no evento do ano pasado; e mais a carballesa Yéssica Nantón, debutante no Certame, e que deixou pegada coas súas rimas afoutas e cheas de retranca. A derradeira parella galega foi a formada por Mani Braga (Vigo/Mondariz) e contrastada regueifeira Alba María (Vigo/Compostela), nun duelo inédito ata o de agora, aínda que ambxs xa levan tempo no tema do improviso.

Coa intención de darlle unha volta ao Certame deste ano, na segunda parte do evento, o condutor do mesmo realizou uns xogos de improvisación, que resultaron ser moi divertidos e ben acollidos polo público presente. En primeiro lugar solicitóuselle a unha persoa de entre a audiencia un verso final (ou pé forzado), co que xs seis repentistxs participantes tiveron que rematar a súa copla. Despois dun par de roldas deste exercicio, pasouse a outro que foi, dende o noso punto de vista, un dos acertos da xornada regueifeira, pois diferentes persoas do público tiveron que propor dous personaxes antagónicos que cada integrante da parella debía defender. Foron para escachar coa risa os duelos entre Bieito Lobariñas e Lupe Blanco, que se converteron en Santiago Abascal e Quim Torra, respectivamente; e, sobre todo, o pique que mantiveron Caruncho “Caballero” e Mani “Feijóo”, con temáticas de actualidade (como as luces de Vigo, as Cíes, a AP9…) nas súas coplas, moi aplaudidas polo respectable. Para rematar esta nova proposta tivo lugar a controversia entre Alba María “Trump” e Yéssica “Pedro Sánchez”, onde temas como os do muro ou a inmigración non faltaron no seu debate en verso.

Na parte final saíu á escena o cantor ao desafío Ruizinho de Penacova, que, en solitario e acompañado da súa concertina, improvisou algunhas quadras para a audiencia presente e deu un repaso a algunhas cantiguiñas tradicionais lusas. Para rematar a xornada, todxs xs improvisadorxs subidxs no escenario fixeron unha roda de despedida coa melodía portuguesa, acompañados polo Ruizinho e a súa concertina, onde ficou demostrada a unión, tanto lingüística como musical, dos dous países irmáns, Galiza e Portugal.

Na xornada do domingo 16, as disciplinas arredor da oralidade tiveron cabida nun evento presentado polo mestre, poeta, humorista e músico lucense Lois Pérez. Os primeiros en actuar foron o grupo musical vigués Scatolosónikos, que coas súas versións de temas coñecidos e as súas letras humorísticas fixeron pasar un bo anaco ao auditorio. Seguidamente fixeron aparición Juanjo Rodicio e amigos, vidos tamén dende Lugo, que experimentaron coa lingua e coa “etimoloxía barata” no seu match. No diálogo improvisado que mantiveron entre os tres integrantes do grupo, ou como eles mesmos bautizaron, na súa “tritulia”, reformularon sarcasticamente a etimoloxía de topónimos, palabras e mesmo refráns solicitados á platea. Para rematar a xornada, o grandísimo Lois Pérez pechou o evento cos seus versos retranqueiros e comprometidos, acompañado da súa guitarra acústica e a súa harmónica, nun final inmellorable para a fin de semana arredor da palabra e a improvisación.

Vaia dende aquí, o noso recoñecemento para a Asociación ORAL, organizadora do evento dende o ano 1997, e para o CVC de Valadares, epicentro da onda expansiva da regueifa galega no último cuarto de século.

E que siga medrando a regueifa.